jueves, 31 de mayo de 2007

Actividade académica.

Antonio Jacobo Casares Rodríguez[1] naceu en Monforte o 28 de Abril de 1812, onde cursou o ensino primario e secundario no Colexio de Humanidades que rexentaban os xesuítas.

Terminado o ensino medio no que, segundo a súas propias palabras[2] realiza tres cursos de Filosofía, trasládase a Universidade de Valladolid onde acada en 1827 o título de Bacharel en Filosofía[3] na súa universidade, realizando un curso de Física Experimental e Química.

En 1832 obtivo o grao de Bacharel en Farmacia polo Colexio de San Fernando de Madrid. Realiza un curso de “Mecánica aplicada a las artes” na Sociedade Económica de Amigos del País de Santiago, e en 1836 acada o grao de Licenciado en Farmacia[4] pola Facultade e Colexio de Farmacia de San Fernando.

Nese mesmo ano gaña por oposición a “Cátedra de Química aplicada a las artes”[5] da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago[6]; sendo o primeiro catedrático de Química desta institución. Esta cátedra, xunto coa de “Mecánica aplicada a las artes” de orixe e promoción vencellada ó Conservatorio de Artes de Madrid, estaban orientadas á formación de artesáns e traballadores dos incipientes procesos industriais. A Real Sociedade Económica de Amigos del País de Santiago asumiu a organización e posta en marcha destas cátedras así como das funcións inspectoras e de control das mesmas. A aparición da praza para a cátedra de Química, que gañaría Casares, foi debido a que Luis Pose[7], que ocupaba esa praza foi nomeado profesor da materia de “Mecánica aplicada a las artes”[8]. A pesar das dificultades económicas, a cátedra tivo unha intensa actividade, impartíndose as clases de Química primeiramente no mosteiro de San Martiño Pinario para pasar posteriormente ó Colexio de Fonseca.

A precariedade económica para estas cátedras queda clara polo feito de que ó Profesor Casares se lle chegou a adebedar ata vinteunha mensualidades, o que fixo que presentase a súa renuncia no ano 1837, aínda que finalmente no se produciu.

Pero eses problemas de índole económica eran xerais aló onde o ensino da Química estivese presente. Así, cando en 1820 reaparece a Química na Universidade, integrada na cátedra de Física e Química, e se encarga dela Manuel Rufo Fernández Carballido[9], solicita do claustro unha cantidade económica para a compra de material destinado ó laboratorio. Pero esta petición foi denegada. En 1836, producírase un amaño provisorio no Plano de Estudios[10] que establecía a Física como disciplina obrigatoria no segundo curso de Filosofía co nome de “Física experimental e Química”, pero cun peso da materia de Química de soamente o 10%, e non se produciría ata a mediados da década seguinte a creación da cátedra de Química[11].

A labor de Casares como catedrático na Sociedade de Amigos del País rematará precisamente cando Casares é nomeado para a cátedra de Química Xeral da Universidade de Santiago, pasando o material de laboratorio, que ó longo dos anos foi sendo adquirido por Casares, á universidade. Non obstante as súas actividades a prol da Sociedade continuarían e en 1850, sería elixido Director desta entidade, e no Ateneo popular fundado por esta Sociedade impartiría leccións de Química elemental a alumnos que procedían da clase obreira.

Compre sinalar que estas institucións non universitarias (Sociedades Económicas, Academias, Colexios de Farmacia[12]) eran moi importantes desde o punto de vista docente, sendo os focos de contacto cos centros científicos europeos, propiciando o envío de estudantes fóra para ampliar coñecementos, ou a instruírse en disciplinas científicas, fundamentalmente de aplicación. Eran moito máis permeables para a difusión do coñecemento científico que as universidades, que eran moito menos abertas ás novas tendencias e descubrimentos. Así criticaba o ensino universitario nos primeiros anos do século XIX o ilustre matemático galego Xosé Rodríguez González[13] (1770-1824):

“…que los profesores no se permitan la menor expresión que pueda ofender las ideas religiosas y políticas sin ceñirse meramente a la enseñanza de los diversos ramos de las ciencias farmacéuticas y naturales…”.[14]

En 1840 Casares comeza a súa carreira docente universitaria sendo nomeado profesor substituto da cátedra interina de Historia Natural na Universidade de Santiago. É interesante comentar aquí que o facerse cargo desta cátedra impulsa de xeito definitivo o Gabinete de Historia Natural que fora creado a finais do século XVIII, e que acabaría converténdose no Museo de Historia Natural da Universidade. Este nomeamento foi recorrido polo decano da Facultade de Filosofía, o que amosa a antiga loita[15] existente entre os centros de Filosofía e de Medicina pola adscrición destas novas cátedras científicas. Finalmente, Casares foi confirmado en outubro de 1840, desempeñando este cargo ata agosto de 1847, compatibilizándoa coa Cátedra de Química Xeral que obtería en propiedade en 1845.

En agosto de 1841 obtén o grao de Licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago, defendendo o 5 de agosto en sesión pública a seguinte proposición:

- “Las fuentes principales del calórico son la combinación química, la compresión, la luz solar y el calor central de la tierra; el calórico específico de los cuerpos se reconoce por medio de la mezclas del calorímetro de Lavoisier y el tiempo que tardan en enfriarse en igualdad de circunstancias”,

e o 9 de de Agosto, en sesión o privada[16], defende a proposición:

- “En los animales se admiten tres especies de generación: vivípara, ovípara y gemípara”

Pouco despois[17] de obter o grao de licenciado solicitou optar ó grao de Doutor, acadando o 12 de Setembro de 1841 o doutoramento. O tema da súa tese tratou sobre o seguinte argumento:

- “¿Se mueve el Sol con un movimiento diurno alrededor de la Tierra o ésta en torno al Sol con un movimiento anual girando al mismo tiempo sobre su propio eje?”.

No ano 1843 instálase como farmacéutico en Santiago, na Praza do Toural, seguindo hoxe en día en funcionamento a farmacia[18]. Exercería a profesión de farmacéutico prácticamente durante toda a súa vida.

O 25 de Setembro de 1845 foi nomeado Catedrático de Química Xeral da Facultade Ciencias[19]. Tres anos antes tíñanse creado na Universidade de Santiago as facultades de Letras e Ciencias aínda que mantendo o nome conxunto de Facultade de Filosofía. No 1844 o Rector Juan José Viñas foi autorizado polo Claustro da Universidade para mercar instrumental de Física e Química –e complementar o comprado por Xosé Rodríguez a principios do século- así como para remozar a Biblioteca e, deste xeito, no 1845, créase a cátedra de Química Xeral dotándoa dun laboratorio e material científico para traballar nel.

Ó remate do 1846, Antonio Casares é nomeado Decano da Facultade de Filosofía, que como foi referido antes comprendía as de Letras e Ciencias, e dez anos máis tarde acadará o cargo de Catedrático de termo[20] da Facultade de Filosofía.

En 1857 é nomeado Decano interino da acabada de crear Facultade de Farmacia. Neste ano, o 9 de Setembro, sendo Ministro Claudio Moyano, publicouse a “Ley de Instrucción Pública” que modifica os estudios desta Facultade. Así, e aínda que en Santiago se viñan realizando desde 1804 os equivalentes ós estudios de Farmacia no chamado Colexio de San Carlos, estes non tiñan categoría legal recoñecida de estudios universitarios.

En efecto, os estudios de Farmacia en Santiago iniciáronse no 1815 sendo Xulián Sánchez Freire[21] o primeiro Catedrático do Colexio de Farmacia, e séndolle anexo as honras de Boticario de Cámara. Acompañaban a Sánchez Freire no claustro S. Pérez como docente de Farmacia Teórica, León Mesa en Historia Natural, e Fernández Taboada na Química. Non se sabe con seguridade onde se impartiron as clases nestes primeiros anos, aínda que é probable que non tiveran sé estable ata 1820 en que se lle asignou o edificio coñecido en Santiago como "Casa da Inquisición" sito onde se atopa hoxe o Hotel Compostela. Daquela o número de alumnos variaba de 20 a 30.

Xurde o Colexio de Farmacia nunha época na que a renovación científica do século XVIII principiaba a dar os seus primeiros froitos, e non é casualidade que os colexios de Farmacia españois apareceran nun momento en que as súas disciplinas fundamentais, como eran a Química e a Botánica tiveran en España notables cultivadores. En Galicia a Universidade seguía mergullada en polémicas estériles fronte a renovación da ciencia (físicos aristotélicos contra newtonianos, médicos contra cirurxiáns ou químicos floxistas contra os proustistas). En contraste con este ambiente teórico e dialéctico, xurde no Colexio de Farmacia de Santiago da man de Sánchez Freire e Fernández Taboada unha orientación certa cara ó ensino práctico e experimental que se converte xunto co outro Colexio - o de Cirurxía – en institucións punteiras da penetración da ciencia moderna en Galicia.

Pero no ano 1821 suprímese o Colexio de Farmacia por problemas administrativos e políticos –Fernando VII pecha a universidade-, e habería que esperar a xa citada Lei Moyano para que se instaura en Santiago a Facultade de Farmacia. Por Real Decreto designouse a Antonio Casares, ademais de decano, catedrático de Química Xeral desa facultade, cargo que desempeñou interinamente ata marzo de 1861 en que tomou posesión como decano Xaime Forn e Segura. Durante este período desempeñou tamén interinamente a praza de catedrático de Química Inorgánica[22].

Cando no ano 1859 a Facultade de Filosofía se separa en Facultade de Ciencias e Letras, como consecuencia da “Lei Moyano”, Casares acada o nomeamento de primeiro Decano da Facultade de Química (R.O. 7 de Xaneiro de 1860). Desafortunadamente este plan soamente durou sete cursos.

Aínda que non de forma precisa, da idea da consideración que se tiña en España polas ciencias da natureza o feito de que ata a lei Moyano non foran establecidas as Facultades de Ciencias (divididas en tres seccións: Físico-matemáticas, Químicas e Naturais); ata entón os ensinos correspondentes tiñan estado incluídos nas facultades de Filosofía. En calquera caso, a reforma non se realizou de igual maneira en toda España; unicamente en Madrid foi establecida unha Facultade de Ciencias completa. De feito, dos 43 catedráticos numerarios e 12 supernumerarios das Facultades de Ciencias españolas, que había nomeados en 1860, 19 e 6, respectivamente, pertencían a Universidade Central (Madrid); mentres que 4 e 1 ás de Barcelona, Granada, Santiago, Sevilla, Valencia e Valladolid, respectivamente. Estes datos reflicten unha característica das ciencias académicas da España do século XIX. Era xa que logo en Madrid onde máis oportunidades se tiveron que dar no campo da ciencia, e dado que soamente alí era posible seguir os cursos de doutoramento e a forte centralización administrativa, non é de estrañar as enormes dificultades que persoas como Casares atopaban na periferia para xerar unha dinámica académica de promoción de novas disciplinas e competencia polo profesorado, como a que si houbo neutros países europeos nese século, en especial en Alemaña e Francia.

Tampouco é menor a comparación da cifra de catedráticos numerarios e supernumerarios (43/12) das facultades de Ciencias en 1860 con outras disciplinas[23]. Así pódese ter un certo índice da importancia relativa das distintas carreiras. Así en Filosofía e Letras era 54/13; en Medicina 85/28; en Dereito 85/28, e en Teoloxía 32/7. Repetimos que en Ciencias a cifra era de 43/12, e polo tanto non moi diferente a carreira de Teoloxía.

O claustro da Facultade de Medicina encárgalle a Casares en 1869 a explicación dunha materia de Doutoramento, a chamada “Lecciones de Análisis Químico aplicado a las Ciencias Médicas”, cesando por renuncia tres anos despois. Neste mesmo ano foi nomeado Director da Estación Meteorolóxica de Santiago.

Entre os anos 1869 e 1872 realizou os estudios de Médico e Cirurxián[24] e finalmente acadou o grao de Licenciado en Medicina coa cualificación de Sobresaliente. E segundo o seu fillo Xosé Casares Gil, exerzeu a profesión de médico ata os derradeiros anos da súa vida[25].

En 1872 foi nomeado Rector[26] da Universidade de Santiago dirixindo esta universidade ata o ano da súa morte (1888). Ocupou o número 193 entre os reiteres desta universidade e nese longo período de 16 anos soamente cesou no cargo por uns meses.

Un dos capítulos probablemente máis duros ó que se tivo que enfrontar Casares como Rector foi o relativo á separación da docencia de Laureano Calderón e González Linares en 1875.

Tratábase de dous persoeiros de moi acusada personalidade e cunha visión moi adiantada de cómo había que facer ciencia e ensinala. A figura de González Linares e a polémica que a súa docencia xeraba na universidade compostelá, queda claramente reflectida no comentario que Xosé Rodríguez Carracido, un dos seus máis famosos discípulos, fai nas súas Confesións[27],

“Vacante la cátedra de Historia Natural la obtuvo en oposición D. Augusto González de Linares, persona desconocida en Santiago y rápidamente conocida, objeto de apasionados comentarios en la Universidad y fuera de ella desde sus primeras lecciones, recibidas más con censuras que con elogios. Se le tachaba de ininteligible, depresuntuoso, de violento en el trato, y bajando la voz se decía de él que era un Krausista.

Las murmuraciones me incitaron a confrontar al juicio público yendo un día a su cátedra y me interesó tan vivamente por la novedad de las ideas y por la elocuencia en exponerlas, que formé el propósito de ser oyente cotidiano, no obstante tener aprobada la asignatura. Sus disertaciones como preliminares del curso, versaban sobre Filosofía de la Naturaleza, y por la índole del asunto requerían muy sostenida atención, siendo esta la causa de calificarlas como ininteligibles.

Fatigoso era a veces seguir el hilo de su pensamiento, pero la excelencia de la forma atenuaba las dificultades de la comprensión del fondo, y al oyente, deseoso deampliar su cultura, y no preocupado por la preparación para el examen, habían deinteresarlo las enseñanzas del nuevo catedrático de Historia Natural aún siendo puramente verbales.”

Unha vez restaurada a monarquía con Alfonso XII, con Cánovas no poder[28], procédese á prohibición de programas de estudios e libros de texto que se puidesen apartar do dogma católico, ou que cuestionasen á monarquía ou a figura do rei. Os dous profesores[29] da Universidade de Santiago, antes citado, expresaron o seu contrario parecer por medio dun escrito dirixido ó rector.

Con celeridade, e logo dun duro debate no Claustro Universitario, o voto de calidade de Casares levou a Linares e Calderón a seren apartados da docencia. Na rápida actuación de Casares hai autores que ven unha estratexia para gañar a confianza do novo réxime, pois podería ter xerado dúbidas respecto ó seu pasado, dado a súa clara aposta pola experimentación e o valor da ciencia en si mesma. Hai que ter presente que nove anos antes a universidade española xa tivo que pasar por un episodio semellante, a chamada “primeira cuestión universitaria”[30] é dalgún xeito isto tivo que influenciar no ánimo dos claustrais e obviamente no rector.

Ricardo Gurriarán na súa Tese de Doutoramento, xa citada noutras partes deste traballo, di sobre este punto:

¿Cómo un científico -refírese a Casares- da súa formación e categoría, permitiu/materializou a separación da docencia de dous profesores que pretendían impartir as súas clases liberados de corsés ideolóxicos? Tan só se atopa unha explicación, considerando a súa pertenza á elite local compostelá: a continuidade no poder sen contrariar ideoloxicamente aos outros poderes con presencia/ascendente na universidade, impermeables ás novidades do pensamento científico que cuestionasen as teses creacionistas. Pois Casares, aínda que científico, xamais se meteu en terreos comprometidos que puidesen achegarse a poder discutir a existencia divina, que coñezamos. Consecuentemente, a súa postura “neutral” serviría para validar as súas responsabilidades de representatividade, sen alterar a un dos estamentos máis poderosos da localidade universitaria: o clero; e contaría co seu beneplácito para poder exercer o rectorado nos difíciles tempos da Restauración, para todos aqueles que puidesen amosar disidencia ou heterodoxia cos postulados ortodoxos dominantes, que non era o seu caso. [31]

En calquera caso, compre estudiar este punto con máis profundidade para poder coñecer as verdadeiras razóns dunha decisión que ben fose por acción ou omisión tivo que ser moi complicada de tomar para Casares.

Nos derradeiros anos da súa vida, tivo ocasión aínda de ver cumprido o desexo da creación de A Escola Especial de Veterinaria, que foi establecida na Universidade de Santiago de Compostela pola Lei de Presupostos de 1881 e creada en 1882. A Escola iniciou a súa andaina no antigo Colexio de San Clemente, onde se mantivo durante 33 anos, ata 1915. Alí impártense as ensinanzas de Veterinaria con gran esforzo por parte de tódolos seus docentes debido ás carencias do edificio e a que tivo de ser compartido con outras institucións, como a Sociedade de Amigos do País, a Escola de Artes e Oficios e mesmo a Xunta Organizadora da Exposición Rexional de 1909. As novas instalacións son inauguradas logo de 19 anos da súa creación onde hoxe se atopa o Parlamento Galego; alí permanecerá a Escola de Veterinaria de Santiago ata a súa desaparición en 1924, nunhas instalacións que despois foron entregadas ó Exército[32], e que hoxe albergan o Parlamento de Galicia.

O seu pasamento, o 12 de abril de 1888, tivo unha extraordinaria repercusión na época, constituíndo as súas exequias en Santiago unha cerimonia de enorme importancia, o que foi recollido con enorme profusión pola prensa daquel momento. Non menos ilustrativa da relevancia que Casares tivo como docente e investigador químico en Compostela, é a coñecida frase pronunciada por un bedel desta universidade:

”Morreu Casares, acabouse a Química”.[33]

Mesmo a prensa de ultramar relacionada con Galicia recolleu a nova da súa morte:

”…El Sr. Casares, que era una de las eminencias científicas de nuestra patria, llevaba más de de cincuenta y un años consagrado a la enseñanza…Galicia pierde en él a un hijo ilustre, que durante su vida se afanó siempre por lograr para su tierra natal la mayor suma de prosperidades ”. [34]

Pertenceu a moitas institucións académicas. Entre outras sociedades científicas:

- Arqueológica Española de Madrid (1843).

- Ciencias Exactas, Físicas y Naturales de Madrid (1850)

- Ciencias y Artes de Barcelona (1844).

- Ciencias Médicas de Lisboa (1848).

- Farmacia de París (1849).

- Cirúrxica Mallorquina (1849).

En 1850, con ocasión dunha viaxe a París invitado pola Academia de Ciencias[35], foi obxecto dunha solemne sesión científica na súa honra, e a súa morte mereceu unha sesión necrolóxica da Académie des Sciences de París[36].

Tamén conqueríu merecidos honores como agradecementos ós moitos servicios prestados.

Dentro deses recoñecementos temos que subliñar os que a Raíña Isabel II lle concedeu: Cabaleiro do Toisón de Ouro, Gran Cruz de Isabel a Católica, Cabaleiro da Real Orde de Carlos III…

Mantivo contacto epistolar con grandes figuras do seu tempo como Castelar, Montero Ríos, Pardo Bazán, Concepción Arenal, etc., e mesmo co a Raíña Isabel II cando esta estivo exiliada en París[37].

O Rei Alfonso XII condecorouno durante a súa visita a Santiago de Compostela en 1877[38].

Foi un home dunha cultura extraordinaria. Ademais de se Licenciar en Filosofía, Farmacia e Medicina, cursou os estudios de Mineraloxía no Museo de Ciencias Naturais de Madrid. Posiblemente fora no transcurso deste estudios onde nacera o seu interese pola análise química e a mineraloxía[39],[40].

Dominaba as máis importantes linguas científicas do momento e contaba cunha importante bibliografía, o que lle permitía coñecer os adiantos científicos da súa época. Aínda que será comentado máis amplamente máis adiante, compre indicar aquí que no ano 1847 sintetizou o éter e cloroformo facendo con eles as primeiras anestesias realizadas en España, todo isto realizouno na Universidade de Santiago só unhas semanas despois das realizadas en Edimburgo e Massachussets.

No ano 1851 conseguiu acender no patio da universidade a primeira luz eléctrica -arco voltaico- que funcionou en España e do que falaremos máis adiante. O acontecemento tivo lugar no claustro da actual facultade de Xeografía e Historia.

A súa calidade docente parece que foi extraordinaria. Así no estudio biobliográfico de Maiz Eleizegui[41] dise:

”…Durante los cuarenta y tres años qe desempeñó la catedra de Quimica…no decayeron un solo momento ni sus arrestos académicos ni su prestigio. Su atractiva palabra, cálida y persuasiva, el amor que sentía por lo científico, la bondad desu carácter, su afable trato…”.

O coñecemento da Ciencia máis moderna e a súa preocupación por estar o día nos descubrimentos por medio da bibliografía científica, complementábase coa súa claridade de ideas e de exposición. Con esta calidades era quen de expoñer ós seus alumnos de modo maxistral os precisos traballos de Berzelius[42] sobre a determinación dos equivalentes, os métodos empregados na síntese química, o descubrimentos dos novos elementos, as ideas sobre o átomo, etc. Sinalemos ademais que a súa preocupación por acadar unha mellor calidade da docencia levouno a traducir libros de química e mesmo a escribir algúns manuais. Falaremos desta cuestión nun epígrafe posterior, pois se trata dun dos aspectos máis relevantes da labor científica de Casares.

A súa vocación académica chegaba ó extremo de mesmo se preocupar polas festas que organizaban os seus alumnos[43].



[1] Así é como exactamente figura na súa partida de nacemento, aínda que en moitas ocasións aparece referenciado como Antonio Casares y Rodríguez e mesmo como Antonio Casares y Rodrigo.

[2] Escrito presentado por Casares en 1841 perante o Rector da Universidade de Santiago, para que lle sexan recoñecidos os estudios que tiña realizado ata esa época. Tomado do A.H.U.S. (Arquivo Histórico da Universidade de Santiago). Legaxo 219, expediente 6.

[3] Segundo algúns documentos o título é de “Bachiller en Artes”.

[4] Nalgúns traballos sobre Casares aparece que tamén en 1836 acadou o título de Doutor en Farmacia, pero nin no seu expediente, nos Fondos do A.H.U.S., nin no estudio biobibliográfico de MAIZ ELEIZEGUI (1952) se ten atopado confirmación de tal extremo.

[5] A finais de 1833, co fin de que en Santiago se dotaran as Cátedras de Artes, o Concello convoca á unha serie de persoeiros da cidade que restablecerán a Sociedade Económica do País para que sexa a institución que recepcione esas cátedras.

[6] Para unha maior información sobre esta institución ver FERNANDEZ CASANOVA, C. (1981).La Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago en el S.XIX. Un estudio de su organización interna y de su actuación a favor de Galicia”. Edición do Castro. A Coruña.

[7] Luis Pose foi profesor substituto da cátedra de Física experimental na Universidade de Santiago entre 1824 e 1931, ano no que obtivo a titularidade que desempeñou ata 1836. Entre os anos 1839 e 1843 foi Rector da Universidade e tamén exerceu o cargo de diputado nas Cortes españolas en varias legislaturas.

[8] SISTO EDREIRA, R. (2001). “As cátedras de Química e Mecánica aplicadas ás artes (Santiago, 1834-1846). Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación, 5, p.210.

[9] Fernández Carballido (1791-1879) desempeñou a cátedra de Física Experimental da Universidade de Santiago a partir de 1820 e colaborou no desenvolvemento e mellora do Gabinete de Física. En 1931 sofre desterro en Puerto Rico debido ás súas ideas progresistas nas dúas etapas constitucionais. Tomado do “DICCIONARIO HISTÓRICO DAS CIENCIAS E DAS TÉCNICAS DE GALICIA”.(2005) TOMO II . Seminario de Estudios Galegos pp.75-76.

[10] Hai que dicir que durante o século XIX foron promulgados ata dez planos de estudios: oito xerais (Caballero: 1807, Calomarde: 1824, Rivas: 1836, Pidal: 1845, Pastor Díaz: 1847, Seijas: 1850, Moyano: 1857, Lasal: 1880) e dous que afectaron a medicina e farmacia (Sardoal: 1884 y Montero Ríos: 1886), tres reformas (Fernandina: 1818, Espartero: 1842-43 e García Alix para Farmacia e Ciencias: 1900), tres reglamentos (xeral: 1821, Arteta: 1851 e González Romero: 1852), tres decretos (Orovio: 1866, Ruiz Zorilla: 1868 e Chao: 1873) e un arranxo (Quintana: 1836).

[11] BERMEJO PATIÑO, M.R. et al. (1999). “Os primeiros pasos da Química en Galicia. De Sarmiento a Casares”. Actas do VII Congreso de la Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas., p. 422.

[12] Os Colexios de Farmacia estaban establecidos en Madrid, Barcelona, Sevilla e Santiago, e durante o século XIX acabarían converténdose pola “lei Moyano” nas respectivas Facultades de Farmacia.

[13] Non é necesario glosar aquí figura deste extraordinario matemático, tamén coñecido como “O matemáticos de Bermés”, pero si hai que suliñar neste punto a importancia que tivo na incoporación de material experimental comprado en Francia en 1817 para os gabinetes da universidade compostelana.

[14] Recollido en GURRIARAN RODRIGUEZ, R. (2003). A INVESTIGACIÓN EN GALICIA (1900-1940)”. Tese de Doutoramente da Facultade de Historia da USC., p.23.

[15] BUGALLO RODRÍGUEZ, A. (2003). “O Museo de Historia Natural da USC”. USC e Parlamento de Galicia. Santiago de Compostela, p.48.

[16] Deste segundo exercicio queda constancia por escrito, en forma de manuscrito, presentado por Casares e titulado: “Disertación para el ejercicio privado a fin de obtener el grado de Licenciado en Filosofia, presentado por D. Antonio Casares”. A.H.U.S. Legaxo 219, expediente 6.

[17] Exactamente cinco días despois. Non sabemos se o tema da súa tese era xa algo moi traballado con anterioridade por Casares, ou non. En calquera caso tería rematado o seu traballo de tese en menos dun mes.

[18] Actualmente chámase Farmacia Bescansa. O primeiro Bescansa asentado en Galicia sería Fermín Bescansa Medioroz, curmán de Espoz y Mina, quen iniciou o comercio de drogas na Coruña en 1812, fabricando ao tempo productos químicos nunha factoría asentada en Santa Cruz, onde tiña un secadeiro de plantas herbáceas medicinais e unha instalación para producir cremor tártaro. Dúas fillas deste casarían con dous fillos de Antonio Casares, e unha filla deste, co primoxénito de aquel, acción estratéxica moi propia entre familias abastadas no século XIX. Recollido en GURRIARAN RODRIGUEZ, R., op.cit. p.396.

[19] A historia da creación da Cátedra de Química na Universidade de Santiago pode seguirse en MEIJIDE, A. (1988) “El científico FernándezTaboada”, publicado polo Seminario de Estudos Galegos, citado en ALVAREZ LIRES, M., et al. (1999). “Os primeiros pasos da Química en Galicia: de Sarmiento a Casares”. Actas VII Congreso de la Sociedad Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas.

[20] O Plano Pidal de 1845 no seu Artigo 117 establecía que para chegar a catedrático de término era preciso levar como mínimo tres anos como catedrático de ascenso, cargo ó que se podía tentar acceder despois de tres anos de servicio como catedrático de entrada.

[21] Xulián Sánchez Freire, natural de Grixoa-Enfesta, foi o primeiro Doutor en Farmacia español

[22] Para máis datos sobre a creación e os primeiros anos da Facultade de Farmacia, ver SISTO EDREIRA, R., et al. (1999). “O proceso de especialización e diversificación da Química en Galicia”. Actas do VIII Congreso de la Sociedade Española de Historia de las Ciencias y de las Técnicas.

[23] SANCHEZ RON, J.M., (2003). La Fïsica en España (I): el Siglo XIX”. Revista Española de Física, Vol 17, 1, p.7.

[24] Trátase dun caso moi curioso, porque mentres que é docente na facultade de Medicina como profesor dun curso do Doutorado, e alumno desa mesma facultade.

[25] MAIZ ELEIZEGUI, L. (1952). Op.cit., p. 44.

[26] Este cargo xa o tivera desempeñado interinamente en outras ocasións.

[27] RODRIGUEZ CARRACIDO, X. “Confesiones”. Biblioteca Digital del Ateneo: Libros y folletos (http://www.ateneodemadrid.com/biblioteca_digital/LibrosFolletos.htm).

[28] En 1875, ó pouco de terse iniciada a Restauración, Cánovas entrégalle a carteira de Fomento a Manuel Orovio y Echagüe (1817-1883), representante del sector más intransixente da igrexa española. O resultado inmediato sería a chamada "cuestión Orovio" -en realidade é a “segunda cuestión”- que se materializaría coa circular de 26 de febrero dese ano, que supuxo o cercenamento da libertade de cátedra.

[29] Que entre outras cuestións, tíñanse posicionado a favor das teorías darwinianas. Mercouse para o Instituto Xelmirez un exemplar da “Revolución das Especies” probablemente porque non era posible compralo desde a universidade compostelana.

[30] O 22 de xuño de 1866, prodúcese a caída do goberno do Xeneral O'Donnell, e a volta ó poder do Duque de Valencia. É neste gabinete onde aparece a figura singular de Orovio, Ministro de Fomento, que dirixe sendas circulares ós rectores de todas as Universidades de España para que "inspeccionen" as ensinanzas, procedan a prohibir a participación dos profesores en reunións políticas, e controlen ós profesores para que non "enseñen directa ó indirectamente doctrinas que repugnan a los principios en que se basa la sociedad española,..". Emilio Castelar, Julián Sanz del Río, Nicolas Salmerón, Fernando de Castro e Francisco Giner, sufrirán en distinto grao a represión producida por esta situación. A caída de Isabel II e o triunfo da Revolución -a "Gloriosa"- devolvería a situación as circunstancias anteriores, aínda que por pouco tempo.

[31] GURRIARAN RODRIGUEZ, R., op.cit.,p.263.

[32] RODRÍGUEZ GARCÍA, M., (1994) Historia da Escola de Veterinaria de Santiago (1882-1924)”. Servicio de Publicacións e Intercambio Científico da Universidade de Santiago.

[33] Conservada por tradición oral.

[34] “El Eco de Galicia”, nº 307. La Habana, 12 de maio de 1888.

[35] O gran científico francés, François Arago, secretario perpetuo da Académie des Sciences de Paris, mantiña estreitas relacións persoais e científicas con Casares. Tamén se carteaba con outros científicos franceses como Foucault.

[36] Enciclopedia Galega Universal Vol 5, p.15.

[37] RODRIGUEZ VÁZQUEZ, J.A. op.cit. p.90.

[38] Tomado de http://www.usc.es/ctroia/galego/ciudad.html (acceso o 14-05-05).

[39] RODRIGUEZ VÁZQUEZ, J.A. Loc.cit.

[40] Nalgún traballo sobre a vida e obra de Casares aparece que estudiou Enxeñería de Minas na Escola de Minas de Madrid, mesmo indicando que non obtivo o título de enxeñeiro debido a que este soamente se expedía naquela época ós que ó saír da Escola exercían un cargo oficial. Sen embargo, nin no seu expediente nos Fondos do A.H.U.S., nin no estudio biobibliográfico de MAIZ ELEIZEGUI (1952) se ten atopado confirmación de tal extremo.

[41] MAIZ ELEIZEGUI, L. (1952). Op.cit., pp 31.

[42] A admiración a Berzelius era grande como se pon de manifesto no seu Manual de Química, cando expoñendo a nomenclatura adoptada por este químico escribe: “Berzelius, uno de los mejores químicos de este siglo…”. Tomado de CASARES, A. (1857). “Manual de Química General”. Tomo I, p.10.

[43] Así, foi o padriño da primeira promoción de Licenciados en Farmacia, como consta na “tarxeta de invitación” que se fai para asistir ó acto de investidura como licenciados.

No hay comentarios: